ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS "A BOCA" DE VEDRA
CAPITULO I DISPOSICIONS XERAIS
Artigo 1.- DENOMINACIÓN E NATUREZA
Coa denominación A BOCA constitúese esta asociación, de nais, pais e titores de alumnos do "Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe de Vedra" foi constituído en Vedra (A Coruña) o día 22 de febreiro de 1981 (nºrexistro 1981-994-1), unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española, o artigo 5 da Lei Orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do Dereito a Educación e a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais normativa concordante.
O réxime da Asociación determinarase polo disposto polos presentes Estatutos. A lingua vehicular desta asociación é o galego.
Artigo 2.- PERSOALIDADE E CAPACIDADE
A Asociación constituída ten personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, podendo realizar, en consecuencia, todos aqueles actos que sexan precisos para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.
Artigo 3.- DOMICILIO
O domicilio social da Asociación radica nas instalacións cedidas polo Centro Escolar, atopándose as mesmas na Avenida Mestre Manuel Gómez Lourenzo s/n en Vedra.
O cambio de domicilio requirirá acordo da Asemblea Xeral, convocada especificamente con tal obxecto e co procedemento e establecido nos presentes Estatutos.
O acordo da Asemblea Xeral deberá ser comunicado ao Rexistro de Asociacións no prazo dun mes, e só producirá efectos, tanto para los asociados como para los terceiros, dende que se produza a inscrición.
Para a realización das actividades que lle son propias a Asociación utilizarase preferentemente e con carácter ordinario os locais do Centro Educativo.
Artigo 4.- AMBITO DE ACTUACIÓN
O ámbito territorial de acción da Asociación é o do concello de Vedra. A mais, estenderase a tódolos concellos onde residan os alumnos do Centro Educativo.
Artigo 5.- DURACIÓN
A Asociación está constituída por tempo indefinido.
CAPITULO II OBXECTO DA ASOCIACIÓN
Artigo 6.- FINS
Os fins da Asociación serán os seguintes:
a) Asistir aos pais e titores en todo aquilo que concirne á educación dos seus fillos e pupilos.
b) Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do centro.
c) Promover a participación dos pais dos alumnos e alumnas na xestión do centro.
d) Asistir aos pais do alumnado no exercicio do seu dereito a intervir no control e xestión do centro.
e) Facilitar a representación dos pais do alumnado no Consello Escolar do centro.
f) Estimular a participación dos pais de alumnos na programación xeral do ensino a través do órgano colexiado correspondente.
g) Fomentar as relacións de cooperación do centro con outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do entorno.
h) Promover a plena realización do principio de gratuidade no ámbito do centro, así como a efectiva igualdade de dereitos de todos os alumnos sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo.
i) Requirirlles aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e proxectos de actuación relativos á educación, solicitando a atención e axudas que esta merece.
l) Promover actividades formativas, culturais e de estudo.
m) Promover accións de colaboración de pais con profesores e as boas relacións entre ambos co fin de colaborar na definición dunha adecuada estratexia didáctica e pedagóxica.
n) E todos aqueles outros non recollidos nos estatutos e que sexan conformes á lei.
Para o mellor cumprimento dos fins esta Asociación intégrase na Federación Provincial de ANPAS da Coruña e conxuntamente con outras ANPAS na Confederación Galega de ANPAS de centros Públicos (CONFAPA Galicia) e a nivel estatal na Confederación Española de APAS (CEAPA).
CAPITULO III
DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E A FORMA DE ADMINISTRACIÓN
SECCION 1ª
DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS
Artigo 7.- DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS
O órgano supremo e soberano da Asociación é a Asemblea Xeral de Socios ou Asemblea Xeral, integrada pola totalidade dos socios que se estean no uso pleno dos seus dereitos sociais.
Adopta os seus acordos polos principio maioritario o de democracia interna e deberá reunirse, polo menos menos, una vez ao ano.
As Asembleas poderán ter carácter ordinario e extraordinario, na forma e competencias que se indican nos presentes Estatutos.
Igualmente, con caracter informal e non decisorio, a Xunta Directiva poderá convocar Asembleas Informativas. O seu obxecto será a de informar e/ou deliberar cos socios sobre a planificación, obxectivos ou calesquera outras cuestións oportunas para o funcionamento da asociación ou seus fins.
Artigo 8.- LEXITIMACIÓN PARA CONVOCAR AS ASEMBLEAS
As Asembleas serán convocadas pola persoa titular da Presidencia da Asociación, por iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou por solicitude asinada polo 20% do número legal de socios. Acordado pola Xunta Directiva a convocatoria dunha Asemblea Xeral, quen ostente a Presidencia haberá de facelo no prazo máximo de quince días naturais para a súa celebración.
A solicitude da convocatoria efectuada polos socios haberá de conter expresamente a orde do día da sesión, achegando os documentos ou información que fose precisa para a adopción dos acordos, se a devandita documentación ou información houbera de ser tida en conta para elo.
A solicitude haberá de ser presentada perante a persoa titular da Secretaría da Asociación ou membro da Xunta Directiva habilitado, quen selará unha copia para a súa entrega ao presentador o presentadora daquela. A persoa titular da Secretaría, despois de comprobar os requisitos formais
(número de socios, convocatoria e documentación, no seu caso), dará conta a quen ostente a Presidencia , para que, no prazo de quince días dende a súa presentación, convoque a Asemblea que haberá de celebrarse dentro do mes seguinte a data da presentación. Se a solicitude adoecera dos requisitos formais anteditos, a Secretaría terá por non formulada a solicitude, procedendo ao seu arquivo con comunicación a quen encabece a lista ou sinaturas.
Se a persoa titular da Presidencia non convocara no prazo dos quince días seguintes ou convocase a Asemblea dentro do prazo para a súa celebración con posterioridade ao mes dende a solicitude, os promotores estarán lexitimados para proceder a convocatoria da Asemblea Xeral, expresando os devanditos extremos na convocatoria, que irá firmada pola persoa que encabece as firmas ou lista da solicitude.
Artigo 9.- FORMA DA CONVOCATORIA
A convocatoria efectuada polas persoas lexitimadas para elo, de conformidade co disposto no artigo anterior, haberá de ser comunicada cunha antelación mínima de tres días a celebración da Asemblea. No caso de existir taboleiro de Anuncios, será exposta neste coa indicada antelación.
A convocatoria deberá conter a orde do día, así como o lugar, data e hora da súa celebración podendo así mesmo facerse constar a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poda mediar un prazo inferior a 15 minutos.
A documentación necesaria e información que haxa de ser tida en conta para a adopción dos acordos, haberá de estar a dispor dos socios na Secretaría da Asociación ou Conserxería do centro no seu defecto aos efectos de ser examinada, dende o día da convocatoria da Asemblea.
Artigo 10.- DA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
A Asemblea Xeral Ordinaria haberá de convocarse anualmente entre os meses comprendidos entre maio e outubro, e sempre dentro do calendario lectivo escolar, co obxecto de tratar os seguintes puntos da orde do día:
1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (sexa Asemblea Ordinaria ou Extraordinaria).
2.- Exame e aprobación, se procedera, da Contas do exercicio anterior. 3.- Exame e aprobación, si procedera, dos Orzamentos do exercicio.
4.- Exame da memoria de actividades e aprobación, se procedera, da xestión da Xunta Directiva. 5.- Aprobación, se procedera, do Programa de Actividades.
6.- Elección e nomeamento de membros da Xunta Directiva, cando proceda conforme ao establecido nestes estatutos así como a determinación do numero de integrantes para o seguinte exercicio.
Artigo 11.- DA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
Fora dos puntos da orde do día expresados no artigo anterior, para a adopción de calquera acordo requirirase a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria, e sinaladamente para tratar o seguinte:
1.- Modificación parcial ou total dos Estatutos. 2.- Disolución da Asociación.
3.- Disposición e Alleamento de Bens
4.- Constitución dunha Federación, Confederación o Unión de Asociacións ou a súa integración nela se xa existira. Igualmente a desvinculación das mesmas cando se estivera integrado en calquera destes entes.
5.- Para calquera outra toma de decisión extraordinaria non prevista nos presentes estatutos.
Artigo 12.- QUÓRUM:
As Asembleas, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas, previa convocatoria efectuada segundo o previsto nestes estatutos, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade dos asociados con dereito a voto; en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.
Para o cómputo do numero de votos totais tanto os socios presentes como os representados haberán de presentarse a persoa que ocupe a Secretaría inmediatamente antes do inicio da sesión.
Artigo 13.- FORMA DE DELIBERAR E ADOPCIÓN DOS ACORDOS
Todos os asuntos debateranse e votaranse conforme figuren na orde do día. A persoa que ostente a Presidencia iniciará o debate, abrindo unha primeira quenda de intervencións na que farase uso da palabra previa a súa autorización.
A Presidencia moderará os debates, podendo abrir unha segunda quenda de intervencións ou conceder as palabras por alusións.
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas asociadas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos.
Nembargantes, requirirán maioría cualificada das persoas presentes ou representadas- que resultará cando os votos afirmativos sexan polo menos os 3/5 -, os acordos relativos a cambio de denominación, disolución da asociación, modificación dos Estatutos e disposición ou alleamento de bens.
Os acordos da Asemblea Xeral que afecten á denominación da Asociación, domicilio, fins e actividades estatutarias, ámbito de actuación, designación dos membros da Xunta Directiva, apertura e pechadura de delegacións, constitución de federacións, confederacións e unións, disolución, ou os de modificacións estatutarias, comunicaranse ao Rexistro de Asociacións para a súa inscrición, no prazo dun mes desde que se produza o acordo.
Artigo 14.- DELEGACIÓNS DE VOTO OU REPRESENTACIÓNS
A representación ou delegación de voto só será válida para a sesión ou convocatoria pola que se expida, sendo nula calquera delegación ou representación indefinida.
Haberá de facerse constar por escrito, con indicación dos datos persoais da persoa delégante e representada, e asinada e rubricada por ambas.
SECCION 2ª
DO ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN
Artigo 15.- XUNTA DIRECTIVA. Composición e duración.
A Xunta Directiva é o órgano colexiado de representación e administración da Asociación, sen prexuízo das potestades da Asemblea Xeral como órgano soberano.
O seu mandato será de dous anos, podendo ser os seus membros reelixidos indefinidamente.
Artigo 16.- ELECCIÓN DA XUNTA DIRECTIVA
Para ser membro da Xunta Directiva serán requisitos imprescindibles ser maior de idade, estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.
Os membros da Xunta Directiva serán elixidos en Asemblea Xeral. O sistema de elección será o de listas abertas.
Convocada Asemblea Xeral para a designación da Xunta Directiva, os socios que pretendan exercer o seu dereito de elixibilidade, haberán de presentar a súa candidatura cunha antelación, como mínimo, de vinte e catro horas á celebración da Asemblea. Caso de que o numero dos presentados fose insuficiente para cubrir os cargos da Xunta Directiva, durante a celebración da Asemblea Xeral a Presidencia abrirá un breve prazo para a presentación de candidaturas. Unha vez rematado o
prazo procederase a continuar coa orde do día.
Durante o desempeño do seu mandato caso de producirse unha vacante, con carácter provisional, a Xunta Directiva poderá designar a un substituto ata que se produza a elección do membro correspondente pola Asemblea Xeral na primeira sesión que se convoque, momento no que se procedería a cubrir a devandita vacante e ata o final do mandato dos membros orixinarios da Xunta Directiva gobernante.
Artigo 17.- DOS CARGOS DA XUNTA DIRECTIVA E A SUA DISTRIBUCIÓN
A Xunta Directiva, como órgano colexiado estará composta entre cinco e trece membros, todos eles nomeados pola Asemblea Xeral e co numero de membros que se determine previamente en cada elección.
Preceptivamente establécense catro cargos: Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e Tesoureira. O resto dos membros serán Vogalías.
Na primeira xuntanza que teña lugar en cada mandato ou cando a Presidencia estea vacante, a Xunta Directiva elixirá de entre os seus membros, mediante voto segredo, a persoa que ostente o cargo da Presidencia. Será preciso alcanzar na votación a metade mais un do total dos sufraxios emitidos. Caso de non acadarse maioría, procederase mediante novas votacións ata que un dos candidatos obteña polo menos un voto mais que calquera dos demais, sendo neste caso a persoa elixida. Unha vez tome posesión do cargo a persoa que ostente a Presidencia, e tras oír ao resto dos membros da Xunta Directiva, designará ao resto dos cargos preceptivos.
O exercicio do cargo será persoal, sen que poida delegarse o voto nas sesións da Xunta Directiva.
Artigo 18.- CESE DOS CARGOS
Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:
a) Por morte ou declaración de falecemento.
b) Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
c) Por resolución xudicial.
d) Por transcurso do período do seu mandato. Nembargantes, ata tanto non se proceda á Asemblea Xeral subseguinte para a elección da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións, debéndose expresar o devandito carácter en cantos documentos houberen de asinar en función aos respectivos cargos.
e) Por renuncia.
f) Por acordo adoptado coas formalidades estatutarias, en calquera momento, pola Asemblea Xeral.
g) Pola perda da condición de socio ou socia.
Os ceses e nomeamentos haberán de ser comunicados ao Rexistro de Asociacións para a súa debida constancia e publicidade.
Artigo 19.- DA PRESIDENCIA
Corresponde a quen ostente a Presidencia da Xunta Directiva as seguintes funcións:
a) Ostentar a representación da Asociación ante toda clase de persoas,autoridades e entidades públicas ou privadas.
b) Convocar as reunións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral,presidilas, dirixir os seus debates, suspender e levantar as sesións.
c) Executar os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral,podendo para iso realizar toda clase de actos e contratos e asinar aqueles documentos necesarios a tal fin; sen prexuízo de que por cada órgano no exercicio das súas competencias, ao adoptar os acordos se faculte expresamente para a súa execución a calquera outro membro da Xunta Directiva.
d) Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e Asemblea Xeral.
e) Ordenar os gastos e pagos da Asociación.
f) Dirimir co seu voto os empates.
g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Xunta Directiva e Asemblea Xeral.
h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de Presidente da Xunta Directiva e da Asociación.
Artigo 20.- DA VICEPRESIDENCIA
Corresponderá a quen ostente a Vicepresidencia realizar as funcións da Presidencia nos casos de estar vacante o cargo por ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Asociación naqueles supostos en que así se decida pola Xunta Directiva ou Asemblea Xeral, segundo os acordos.
Artigo 21.- DA SECRETARÍA
Corresponde a quen ostente a Secretaría da Xunta Directiva as seguintes funcións:
a) Asistir ás sesións da Xunta Directiva e Asemblea e redactar e autorizar as actas daquelas.
b) Efectuar a convocatoria das sesións da Xunta Directiva e Asemblea, por orde da Presidencia, así como as citacións dos membros daquela e socios desta.
c) Dar conta inmediata á Presidencia da solicitude de convocatoria efectuada polos socios na forma prevista nos presentes Estatutos.
d) Recibir os actos de comunicación dos socios e dos membros da Xunta Directiva con relación a esta, as notificacións, peticións de datos, rectificacións, certificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.
e) Preparar o despacho dos asuntos, e polo tanto coa documentación correspondente que houber de ser utilizada ou tida en conta.
f) Expedir certificacións dos acordos aprobados e calquera outras certificacións, co visto e prace da Presidencia, así como os informes que fosen necesarios.
g) Ter baixo a súa responsabilidade e custodia o Arquivo, documentos e Libros da Asociación, a excepción dos libros de contabilidade.
h) Calquera outra función inherente á súa condición.
Nos casos de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a persoa que ocupe a Secretaría será substituída pola persoa que determine a Presidencia.
Artigo 22.- DA TESOURERÍA
Corresponde a quen ostente a Tesourería:
a) Recadar os fondos da Asociación, custodialos e investilos na forma determinada pola Xunta Directiva.
b) Efectuar os pagos, co visto e prace da Presidencia.
c) Intervir coa súa firma todos os documentos de cobros e pagos, co conforme da Presidencia.
d) A levanza dos libros de contabilidade da Asociación, e o cumprimento das obrigacións fiscais, en prazo e forma.
e) A elaboración do anteproxecto de Orzamentos para a súa aprobación pola Xunta Directiva para o seu sometemento á Asemblea Xeral. Na mesma forma procederase con arranxo ao Estado Xeral de Contas para a súa aprobación anual pola Asemblea.
f) Calquera outra inherente á súa condición, como responsable da xestión económico- financeira.
Artigo 23.- DOS VOGAIS
Corresponde ás persoas elixidas vogais:
a) Recibir a convocatoria da sesión de Xunta Directiva coa antelación fixada nos presentes
Estatutos, contendo aquela a orde do día.
b) Participar no debate das sesións.
c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
d) Formular rogos e preguntas.
e) Obter a información precisa para o cumprimento das funcións que lle foren asignadas.
f) Actuar en nome da Asociación cando así lle sexa encomendado pola Xunta Directiva
Artigo 24.- APODERAMENTOS
A Xunta Directiva poderá nomear apoderados ou apoderadas xerais ou especiais.
Artigo 25.- CONVOCATORIAS E SESIONS
1.- Para a válida constitución da Xunta Directiva, a efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, deberán estar presentes a metade dos seus membros requiríndose, necesariamente, a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou de quen lles substitúan.
2.- A Xunta Directiva reunirase, polo menos, unha vez ao trimestre e cantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Asociación, por convocatoria realizada pola Presidencia, a iniciativa propia ou de calquera dos seus membros.
3.- A convocatoria , cos seus elementos formais (orde do día, lugar e data...), farase chegar cunha antelación mínima de 48 horas á súa celebración.
4.- As deliberacións seguirán o mesmo réxime sinalado no artigo 13 para a Asemblea Xeral. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos, dirimindo o voto da persoa que sexa Presidente en caso de empate.
5.- Non poderán adoptarse acordos que non figuren na orde do día, salvo que por razóns de urxencia ou operatividade o acorden os membros presentes da Xunta Directiva por unanimidade. 6.- Igualmente quedará validamente constituída a Xunta Directiva sen convocatoria previa, cando estando presentes todos e cada un dos membros, así o acordasen por unanimidade, estándose ao mencionado no apartado anterior en canto aos acordos. As Xuntas así constituídas recibirán a denominación de Xunta Directiva Universal.
7.- Ás sesións da Xunta Directiva poderán asistir aquelas persoas con funcións de asesoramento, previamente citadas ou invitadas pola Presidencia, con voz e sen voto.
Artigo 26.- COMPETENCIAS
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
a) Confeccionar o Plan de Actividades.
b) Outorgar apoderamentos xerais ou especiais.
c) Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
d) Aprobar o Proxecto de Orzamento para a súa aprobación definitiva pola Asemblea Xeral.
e) Aprobar o estado de Contas elaborado pola persoa titular da tesourería , para a súa aprobación definitiva, si proceder, pola Asemblea Xeral.
f) Elaborar a Memoria anual de actividades para o seu informe á Asemblea Xeral.
g) Creación de Comisións de Traballo que estime conveniente, para o desenvolvemento das funcións encomendadas e as actividades aprobadas, así como para calquera outras cuestións derivadas do cumprimento dos fins sociais. Ditas comisións regularán o seu funcionamento interno na forma que se acorden por estas na súa primeira sesión constitutiva.
h) Resolver as solicitudes relativas á admisión de socios.
Artigo 27.- DAS OBRIGAS E RESPONSABILIDADES DOS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA
Son obrigacións dos membros da Xunta Directiva, a título enunciativo,cumprir e facer cumprir os acordos das Asembleas Xerais, os fins da Asociación, concorrer ás reunións ás que sexan convocados, desempeñar o cargo coa debida dilixencia dunha acode representante leal e cumprir nas súas actuacións co determinado nas disposicións legais vixentes e nos presentes Estatutos.
Os membros da Xunta Directiva responderán fronte á Asociación dos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos ou polos realizados neglixentemente. Quedarán exentos de responsabilidade quen se opuxeren expresamente ao acordo determinante de tales actos ou non houber participado no seu adopción.
Artigo 28.- CARÁCTER GRATUITO DO CARGO
Os membros da Xunta Directiva exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que en ningún caso poidan recibir retribución polo desempeño da súa función, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados nos gastos ocasionados en exercicio dos cargos, sempre que estes se atopen debida e formalmente xustificados.
SECCION 3ª
DISPOSICIONS COMUNS AOS ÓRGANOS
Artigo 29.- DAS ACTAS
1.- De cada sesión que celebren a Asemblea Xeral e Xunta Directiva levantarase acta pola persoa titular da Secretaría, que especificará necesariamente o quórum necesario para a válida constitución (no caso da Xunta Directiva especificarase necesariamente os asistentes), a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebraron, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
2.- Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros e/ou socios, o voto contrario ao acordo adoptado, ou a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou ben o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que aporte no acto ou no prazo de corenta e oito horas o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar no acta ou uníndose copia á mesma.
3.- As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión, podendo entanto emitir a persoa titular da Secretaría certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.
Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
4-.- As Actas serán asinadas por quen ostente a Secretaría e visadas por quen exerza de Presidente.
Artigo 30.- IMPUGNACIÓN DE ACORDOS
Os acordos da Asemblea Xeral e Xunta Directiva poderán ser impugnados ante a orde xurisdicional civil na forma legalmente establecida.
Os socios poderán impugnar os acordos e actuacións da asociación que estimen contrarios aos Estatutos dentro do prazo de corenta días, a partir da data de adopción dos mesmos, instando a súa seu rectificación ou anulación e a suspensión preventiva no seu caso, ou acumulando ambas pretensións polos trámites establecidos na Lei de Axuizamento Civil.
En tanto se resolven as contendas de orde interna que poidan suscitarse na asociación, as solicitudes de constancia rexistral que se formulen sobre as cuestións controvertidas só darán lugar a anotacións provisionais.
CAPITULO IV
PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN E PERDA DA CUALIDADE DE SOCIO OU SOCIA
Artigo 31.- ADQUISICIÓN DA CONDICIÓN DE SOCIO OU SOCIA
Para adquirir a condición de socio ou socia requírese ser pai, nai ou titor dos alumnos que cursen os seus estudos no centro docente, e estean interesados nos fins da Asociación.
As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipadas con plena capacidade de obrar e non estar suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito.
A solicitude para adquirir a condición de socio ou socia debe aceptarse pola Xunta Directiva.
A efectos de substitución automática para as Asembleas, será considerado como socio ou socia o proxenitor do alumno que non figure como titular social no rexistro da Asociación. Os datos deberán ser comunicados previamente a Secretaría da Asociación pola persoa que ostente a titularidade como socio.
Artigo 32.- PERDA DA CONDICIÓN DE SOCIO OU SOCIA
A condición de socio ou socia perderase por algunha das seguintes causas:
a) Pola libre vontade da persoa asociada.
b) Por impago das cotas establecidas previa advertencia realizada pola Xunta Directiva.
c) Por incumprimento grave dos presentes Estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos sociais.
No suposto da letra a) do presente artigo, será suficiente a presentación de renuncia escrita presentada ante a Secretaría da Asociación. Os efectos serán automáticos dende a data da súa presentación.
Para a causa b) os efectos serán dende os 30 días seguintes a súa comunicación como persoa asociada morosa, facéndose constar necesariamente a perda da condición de socio ou socia, caso de non facer efectiva nese prazo a débeda.
Para a perda da condición de socio ou socia pola causa establecida no apartado c), será requisito indispensable o acordo motivado da Xunta Directiva, adoptado por 2/3 do número de votos legalmente emitidos. Toda persoa asociada terá dereito a ser informada dos feitos que dean lugar á expulsión e a ser oída con carácter previo á adopción de devandito acordo.
Artigo 33.- DEREITOS
Son dereitos dos socios:
CAPITULO V
DEREITOS E OBRIGAS DOS SOCIOS E SOCIAS
a) Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, a exercer o dereito de voto, así como a asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos Estatutos.
b) Ser informados achega da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
c) Ser oídos con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra eles e ser informados dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
d) Pedir á exhibición da documentación da asociación, a través da Xunta Directiva.
e) Usar os bens e instalacións de uso común da Asociación, con respecto a igual dereito do resto dos socios.
Artigo 34.- OBRIGAS
Son deberes dos socios:
a) Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
b) Pagar as cotas, derramas e outras achegas que, con arranxo aos Estatutos, poidan corresponder a cada socio ou socia.
c) Cumprir o resto de obrigacións que resulten das disposicións estatutarias.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral. Sen prexuízo da resolución definitiva da perda da condición de socio ou socia por impago das cotas sociais, provisionalmente o socio ou a socia terá en suspenso o dereito de sufraxio activo e pasivo. Dita suspensión do dereito producirase coa comunicación por impago dunha soa das cotas e mentres se proceda á súa regularización ou á perda definitiva da condición de socio ou socia.
CAPITULO VI
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 35.- PATRIMONIO FUNDACIONAL
O patrimonio fundacional da Asociación no momento da súa constitución en data era de cero
euros.
Artigo 36.- TITULARIDADE DE BENS E DEREITOS
A Asociación deberá figurar como titular de todos os bens e dereitos que integran o seu patrimonio, os cales faranse constar no seu inventario e inscribiranse, no seu caso, nos Rexistros Públicos correspondentes.
Artigo 37.- FINANCIAMENTO
A Asociación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase con:
a) Os recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio, no seu caso.
b) As cotas dos socios, ordinarias ou extraordinarias.
c) Os donativos ou subvencións que puidesen ser concedidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.
d) Donacións, herdanzas ou legados, aceptadas pola Xunta Directiva.
e) Os ingresos provenientes das súas actividades.
Os beneficios obtidos pola Asociación, derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins, sen que caiba en ningún caso o seu reparto ou cesión gratuíta a calquera persoa física ou persoa xurídica con interese lucrativo.
Artigo 38.- EXERCICIO ECONÓMICO, ORZAMENTO E CONTABILIDADE
1. O exercicio económico coincidirá co curso académico, polo que comezará o 1 de setembro e finalizará o 31 de agosto de cada ano.
2. Anualmente a Xunta Directiva confeccionará o Orzamento e será aprobada en Asemblea Xeral. Coa aprobación do referido Orzamento quedarán aprobadas as cotas ordinarias para o exercicio correspondente. Con carácter extraordinario poderán ser aprobadas tamén bonificacións ou exencións das cotas ordinarias, especificándose en todo caso os termos e condicións daquelas. Para a aprobación de cotas extraordinarias, haberá de convocarse Asemblea Xeral Extraordinaria. Se a disposición e gasto correspondente foran urxentes, nese caso bastará a adopción do acordo pola Xunta Directiva, previo informe da Tesourería e ulterior ratificación en Asemblea Xeral, que haberá de aprobarse no prazo de trinta días seguintes á adopción do acordo pola Xunta Directiva.
3. A Asemblea Xeral aprobará anualmente as contas da Asociación, unha vez finalizado o exercicio orzamentario ao que correspondan.
4. A Xunta Directiva levará os correspondentes libros de contabilidade que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da Asociación.
CAPITULO VII
DISOLUCIÓN E APLICACIÓN DO CAPITAL SOCIAL
Artigo 39.- DISOLUCIÓN
A Asociación disolverase polas seguintes causas:
a) Por acordo adoptado por maioría de 3/5 en Asemblea Xeral Extraordinaria.
b) Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código Civil.
c) Por sentenza xudicial firme.
Artigo 40.- LIQUIDACIÓN
Acordada a disolución da Asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
Os membros da Xunta Directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo que os designe expresamente a Asemblea Xeral ou o órgano xudicial que, no seu caso, acorde a disolución.
Corresponde aos liquidadores:
a) Velar pola integridade do patrimonio da Asociación.
b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
c) Cobrar os créditos da Asociación.
d) Liquidar o patrimonio e pagar aos acredores.
e) Aplicar os bens sobrantes aos fins previstos polos Estatutos.
f) Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro.
O patrimonio resultante logo de pagadas as débedas e cargas sociais, destinarase a entidades non lucrativas que persigan fins de interese xeral análogos aos realizados pola mesma. Igualmente poderán ser destinados os bens e dereitos resultantes da liquidación a entidades de dereito público.
En caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva ou, no seu caso, os liquidadores, han de promover inmediatamente o oportuno procedemento concursal perante o órgano xudicial competente.
DISPOSICION ADICIONAL: En defecto destes estatutos aplicaranse as normativas especificas vixentes tanto autonómicas como estatais relativas ao dereito de asociación sen prexuízo da normativa xeral de rango superior.
DISPOSICION DERROGATORIA: Os presentes estatutos deixan sen efecto os aprobados o día 27 de decembro de 2007, e inscritos o día 21 de xullo de 2008 perante a Xunta de Galicia co nº1981/994- 1.
DISPOSICION FINAL: Os presentes estatutos entrarán en vigor o mesmo día da súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia establecido ao efecto.