Os recortes no CPI de Vedra

12 de novembro de 2025. As familias do CPI Plurilingüe de Vedra denunciamos o impacto dos recortes na Educación, pola falta de profesorado e de persoal de apoio, especialmente na atención á diversidade, que repercute directamente na calidade da atención educativa dos 441 alumnos e alumnas do centro.

Estes recortes son especialmente graves no 6º de Educación Infantil, onde a Consellería de Educación ignora a solicitude do desdobre necesario pese a contar cunha ratio excesiva e con alumnado con necesidades educativas especiais que deben contar cunha atención máis individualizada. No grupo, cunha ratio de 26 alumnos e alumnas, faise imposible un funcionamento axeitado cunha única mestra. Ademais, tampouco se designou medio docente de pedagoxía terapéutica, que correspondería, o que supón un recorte no tempo de atención ao alumnado máis vulnerable.  



Desde a ANPA do CPI de Vedra consideramos inadmisible que se recorte en educación e que se castigue novamente o ensino no rural, malia os discursos oficiais sobre a igualdade de oportunidades. A Xunta de Galicia está incumprindo o seu propio compromiso de garantir a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e de apoiar os centros rurais, que xa funcionan con recursos mínimos.

Isto engádese á redución de horas lectivas que a Consellería de Educación acordou cos sindicatos a partir do curso de 2024 e que non se compensou coa asignación de novo profesorado, o que foi equivalente a perder dous docentes no cadro do CPI de Vedra. Isto repercutiu en horas nas que, entre outras funcións, realizaban apoio específico a alumnado con necesidades educativas especiais. 

As familias do CPI de Vedra esiximos unha resposta inmediata e a creación do segundo grupo de 6º de Infantil e a designación de cando menos, medio especialista en Pedagoxía Terapéutica. Non aceptaremos que se antepoñan criterios económicos aos dereitos dos nenos e nenas, nin que se poña en risco a súa aprendizaxe e benestar emocional por falta de medios humanos. Cada curso arrastrando recortes implica diminuír tamén as súas oportunidades e os seus dereitos, e impacta sobre a calidade da atención educativa que recibe cada un dos alumnos e alumnas do centro. 

A Xunta explicou nos medios de comunicación, en resposta á denuncia pública desta ANPA, que “o centro dispón de profesorado suficiente para organizar a aula con 23 alumnos, cando o máximo son 25” pero este é argumento non é certo. Como a propia Xunta acordou coas organizacións sindicais, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) computa doutro xeito a efectos de ratio (como dous ou tres), dependendo das súas necesidades. De aí que sinalemos que a ratio deste grupo é de 26. 

É certo que o máximo actual é 25 alumnos e alumnas por aula, pero esa cifra é o límite superior, non unha meta. Ademais, a propia Xunta  se comprometía á redución progresiva das ratios de 25 a 20 alumnos por aula en Educación Infantil e Primaria.

As medidas que menciona a Administración —desdobres, co-docencia— son útiles como apoio pedagóxico, pero non substitúen o cumprimento do cómputo legal de ratios. En resumo: se o compromiso oficial é reducir as ratios a 20, pero nin sequera se aplica correctamente o límite de 25, vai ser difícil avanzar cara a unha educación máis inclusiva.