Campus Deportivo de Aventura e Orientación 20, 21 e 22 de febreiro en Vedra
26/01/2023
Os días 20, 21 e 22 de febreiro, a Universidade de Santiago de Compostela (Corresponsables USC) en colaboración coa ANPA do CPI de Vedra organizan o Campus Deportivo de Aventura e Orientación, unha actividade de iniciación ás carreiras de orientación.
Desenvolverase no Pavillón de Vedra e nos arredores durante as mañás, entre as 10:00h e as 13:00 horas, excepto o mércores 22, que rematará ás 14 horas.
Dividiranse en dous grupos para adaptala a cada idade: de 6 a 10 anos e de 11 a 16 anos.
As prazas son limitadas, así que bule a inscribirte!
Coñece os raids da aventura e a orientación deportiva!
Da man do equipo organizador do Raid Gallaecia, proba das series mundiais de aventura e da escola de orientación de Gallaecia. Os raids de aventura son un deporte multidisciplinar: carreira de montaña, BTT, actividades de cordas, todo baixo o marco da orientación deportiva.
Un deporte para practicar no mellor espazo posible, a natureza.
Coñecerás de primeira man en que consiste este deporte e farás a túa primeira práctica con unha proba de iniciación con mapa específico.
Día 1: Bloque audiovisual e proxección fotográfica.
Día 2: Coñece e aprende a usar o material que se emprega nos raids de aventura (bicicletas, cascos, portamapas, iluminación, baterías, comida, material de escalada, de seguridade, primeiros auxilios). Nocións básicas de orientación. Mapa, compás e conceptos básicos da orientación deportiva, con pequena práctica.
Día 3: Raid de aventura e carreira de orientación, cun mapa da zona.